A Rainha Santa de Portugal en Compostela

No ano de 1612, no convento de Santa Clara de Coimbra, foi aberto o magnífico sartego gótico da raíña de Portugal, dona Isabel de Aragón (ca. 1270-1336), esposa do rei don Dinis. Daquela procedeuse ó exame dos restos da soberana -a cal, tralo seu pasamento, xa tiña sido considerada entre o pobo como santa, por mor da fonda piedade e actividade caritativa amosadas en vida-, como requisito indispensable no proceso de canonización, inaugurado anos atrás. No curso do exame do corpo da raíña, foron inspeccionados dous elementos que lle fixeran compaña na súa viaxe o Alén: un bordón rematado en tau, de xaspe e madeira revestida de placas arxénteas, e máis unha escarcela, decorada cunha cuncha natural de vieira. Dúas reliquias retiradas da tumba que recibiron, a partires de entón, veneración: no propio convento de Santa Clara de Coimbra, no caso do bordón; e no Palacio Real de Madrid, polo que atinxe á pequena bolsa coa vieira.

O primeiro elemento, o bordón rematado en Tau, feito na Compostela de 1325, a semellanza do bordón que porta a imaxe de Santiago o Maior no parteluz do Pórtico da Gloria (ca. 1188), simboliza a fe na Trindade, conforme á explicación que do asunto fai o sermón ‘Veneranda dies’ do Libro I do Códice Calixtino. Ende ben aínda se conserva en Coimbra, do mesmo xeito que o senlleiro sartego da raíña, no convento de Santa-Clara-a-Nova. Pero a bolsa coa vieira, cuncha que simboliza as boas obras nas que ten que perseverar o peregrino -un ser espiritualmente anovado- ata a fin dos seus días, de acordo co que tamén revela o ‘Veneranda dies’, desapareceu para sempre no lume que estragou o Alcázar Real de Madrid en 1734.

Ámbolos dous elementos, bordón e bolsa con vieira, levounos consigo Isabel de Aragón na súa derradeira viaxe de ultratumba, co propósito de ser recoñecida por Santiago o Maior como peregrina e devota, para que intercedera e avogara por ela no xuízo particular da alma. Un transo do Alén que, na cosmovisión medieval, definía o lugar onde o defunto debía agardar o día do Xuízo Final; a meirande parte das almas nutrirían o purgatorio por tempo indefinido, en función das indulxencias e doutros beneficios espirituais obtidos en vida ou por mediación das misas e sacrificios particulares dos seus familiares.

Mesmamente, a peregrinaxe que en xullo de 1325 levou a Compostela á raíña viúva de Portugal pode ser considerada un acto piadoso en beneficio propio e da alma do rei don Dinis, falecido en xaneiro do mesmo ano, o cal non tivera oportunidade de visitar a tumba do apóstolo, pero que doara 300 maravedís á Igrexa compostelá. Dona Isabel deixou Coimbra na compaña do seu cortexo, descoñecemos se peregrinou por terra ou por mar, pero ó chegar a Padrón visitou os lugares vinculados coas tradicións xacobeas; proseguiu viaxe a lombo dunha mula ricamente adobiada ata O Milladoiro, continuando despois a pé ata Santiago. Entra na cidade o 25 de xullo de 1325, realiza ofrendas pías á basílica xacobea e asiste ás solemnes celebracións do día de Santiago.

Entre os galanos que ofertou ó apóstolo cabe subliñar unha vaixela do rei don Dinis, a mula empregada en parte do camiño, tapices coas armas de Aragón e Portugal, un grupo escultórico da Anunciación e, de xeito moi significado, a coroa que adoitaba utilizar dona Isabel; este galano pío é o máis salientable, pois consiste no símbolo medieval da realeza, cun poder que emana de Deus.

En atención a estes ricos presentes -a Anunciación ocupou ó longo dos séculos un altar no trascoro da catedral, dándolle ó espazo entre o Pórtico da Gloria e mailo coro o nome de ‘nave da Preñada’-, o arcebispo Berenguel de Landoira entregou como agasallos á raíña o bordón e a bolsa que empregou como parte do seu enxoval de ultratumba.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda