introdución

“O verdadeiro fogar do home non é unha casa, senón o Camiño, a vida mesma é unha viaxe que debe ser feita a pé”

Bruce Chatwin

A única maneira de coñecer en profundidade a realidade dun país, dun territorio calquera, é con tempo e paseniñamente, e para elo nada mellor que empregar o máis antigo medio de transporte, nós mesmos, os nosos pés.

A cámara lenta percibimos unha chea de pormenores que doutro xeito pasarían desapercibidos, a un tempo verificamos a nosa propia fortaleza física e mental, moito maior do que teríamos pensado, e realizamos unha segunda viaxe, a interior.

ANDANTES ten nado para se entregar á causa destas grandes viaxes vagarosas a pé e ten elixido como carta de presentación o Camiño de Santiago, que é o itinerario peonil de longo percorrido máis coñecido e valorado do mundo.

O éxito do CAMIÑO DE SANTIAGO aséntase na súa xa milenaria permanencia histórica como itinerario sacro cara unha meta. Esta dimensión diferénciao doutras rutas de sendeirismo que poidan gozar dunha maior riqueza natural ou paisaxística.

Ademais, a ruta xacobea ten sabido axeitarse á contemporaneidade, e máis aló da súa orixe relixiosa, se ten aberto á humanidade como un espazo lineal propicio para a meditación, o medre persoal e mailo encontro cos demais.

Dende ANDANTES, paso a paso contigo e en base á nosa experiencia, 35 anos día a día no Camiño de Santiago, imos procurar que desfrutes, en corpo e alma, de todo o que te ofrecen estes itinerarios.

Para elo ímonos servir doutra imaxe universal, a de Don Quixote, o cabaleiro andante por excelencia, e Sancho Panza, o seu cabal escudeiro, aportando a dobre clave do idealismo, que fai voar a imaxinación, e mailo realismo, sempre cos pés na terra.