camiño portugués costa

O CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA non é unha ruta completa propiamente dita, senón unha das variantes que se poden elixir chegados a Porto dende o sur. Ata Compostela será preciso percorrer, polas variantes máis curtas, uns 270 km (108 en Portugal e os restantes en Galicia).

A capital portuguesa da rexión do Douro, maior metrópole do norte do país, benefíciase a día de hoxe pola presenza do aeroporto Sá Carneiro, que conta cunha chea de conexións internacionais.

A anterior circunstancia, unida ó tirón do mar, explican que este itinerario teña sido o que máis ten medrado nos últimos anos, converténdose no terceiro máis concorrido tralo Camiño Francés e mailo Camiño Portugués Central, acaparando o 6,4% do total de peregrinos.

Dende o punto de vista histórico é unha proposta bastante feble, pois se ben en Portugal é doado constatar a súa puxanza a partir do século XVI (non no Medievo), en Galicia non deixa de resultar unha entelequia, pois ata tempos ben serodios os peregrinos remontaban o Miño ata Valença para proseguiren por Tui.

Un suposto camiño tradicional que percorre os areais por pasarelas, paseos marítimos e sendas empregadas por pescadores e mariscadores, pouco pode ter de histórico e de xacobeo, e máis ben responde a unha nova concepción turística do Camiño de Santiago. Malia isto, a Xunta de Galicia, pola razón que fora, o declarou oficial en 2016, e o seu éxito ten sido innegable.

A Carón do mar sentiraste a un tempo pequeno, dada a súa magnitude, e grande, ó entrares en comuñón máis íntima cunha natureza que aínda non puido ser urbanizada.

A súa principal característica é que sempre, cando menos dende Vila do Conde, avanza pola beira ou próximo á costa, cruzando o esteiro do Miño para facer o propio en Galicia, onde atravesa a maior cidade do país, Vigo, denantes de converxer co Camiño Central en Redondela.

Máis aló dos problemas que poidan causar os temporais, e en xeral todo asociado á veciñanza do mar (vento), esta ruta é unha das máis doadas de percorrer; a penas hai costas, e os problemas veñen máis dados pola densidade de poboación, sobre todo na área de Vigo, que pola esixencia do relevo.

O seu engado e innegable se pensamos na sucesión de paisaxes costeiras cos seus areais. O patrimonio construído tamén é rico: o porto pesqueiro da Guarda, o mosteiro de Oia, a monumental vila de Baiona ou o grande casco urbano de Vigo dan testemuño.

Conforme o Camiño se ten popularizado, os servizos xa existentes se teñen ido adaptando ós peregrinos, pero segue a haber grandes baleiros na acollida específica, así en Baiona ou Vigo, onde non atopamos albergues públicos (en construción o de Vigo); a iniciativa privada tampouco é notable neste eido.

Facendo unha media estándar de etapas, o itinerario pola costa, de 80 km entre A Guarda e Redondela, pódese completar en catro días, con tempo para nos deter nas principais localidades. De Redondela a Santiago polo Camiño Central precisaremos doutros catro días.

 

COMO CHEGAR A CAMINHA OU A GUARDA?

No caso de que non dispoñas de tempo para te desprazar a Porto, moito máis doado por ser unha cidade ben comunicada, e soamente poidas facer as últimas etapas (perderaste un feixe de poboacións históricas, así Vila do Conde ou Viana do Castelo, de grande fermosura), cando menos ímoste recomendar que cruces o Miño dende Caminha, pois un Camiño Portugués sen Portugal carece por completo de sentido.

-Por suposto, pódese ir a Caminha dende Porto, ben no tren dende a estación de Campanhã, 1 h 30 min, dende 7 € (www.cp.pt), ou con bastantes máis frecuencias en autobús con Rede Expressos, que opera na estación do Campo 24 de Agosto, de 1 h 30 min a 2 h 15 min, 9,5 € Tamén hai buses dende o aeroporto Sá Carneiro (OPO): a conexión máis rápida, por Viana, con Andrade Express, ó redor de 1 h 15 min, dende 10 €.

Se chegas en avión ó aeroporto de Peinador (VGO), é posible baixar a Vigo en bus de Vitrasa coa liña 9A, lu-ve de 5,55 a 23,07 h cada 30 min, sábado dende as 6,40 h id., domingo de 9,30-14,30 h cada hora e de 15-23 h cada 30 min, 1,35 €, con paradas en Travesía de Vigo para irmos a pe á estación de autobuses, a 1 km, ou de República Arxentina, para irmos á de ff.cc. Vigo Guixar, a 700 m. A outra opción dende o aeroporto é o taxi (22 €).

Xa na cidade pódese tomar un tren ou autobús a Valença, onde haberá que cambiar para continuar ata Caminha; máis de 2 h en tren, con 4 servizos ó día a Valença e 7 de Valença a Caminha, 8-14 €, e case que 2 h con Rede Expressos, só un ó día ás 13,30 h, 9-20 €.

De Vigo ata A Guarda en autobús, vía Tui, e nalgún caso vía Baiona, vaise con ATSA (telf. +34 986 610 255) duración 1 h 15 min, prezo 6,05 €, a fin de semana redúcense notablemente os servizos.

-En Caminha, á que convén dedicar cando menos un par de horas, tómase o transbordador Santa Rita de Cássia, que atravesa o esteiro do Miño cada hora (de 8-13 e 14-19 h, en xullo e agosto ata as 20,30 h, 1,50 €), pero suspendido coa baixamar; información actualizada no Posto de Turismo de Caminha, telf. +351 258 911 348, ou na Oficina de Turismo da Guarda, telf. +34 986 614 546. A travesía dura 20 min e desembarcamos na Pasaxe (Camposancos), onde xa atopamos os primeiros marcos de pedra que balizan o Camiño en Galicia.

tramos

TRAMO CAMINHA-VIGO (61,2 km)

descripción

Ó atravesar a foz do Miño, como a chaman os portugueses, podemos reflexionar sobre o feito dunha fronteira física, que non cultural, xeradora de eventualidades históricas de toda caste: guerras, contrabando, comercio, convivencia, colaboración, peregrinación. É por elo que temos fixado a partida en Caminha.

 

O presente é o punto onde se unen pasado e futuro, unha fronteira no tempo, pero non diverso en calidade daqueles dous reinos que une. (Erich Fromm)

 

Que grande mosteiro o de Oia, onde os seus monxes canoneiros fixeron fuxir ó turco en 1624!

Desembarcados en Galicia dispómonos a rodear pola súa base o icónico Monte de Santa Tegra, coroado pola citania castrexa máis extensa de Galicia, e acadar a vila mariñeira da Guarda.

A partires da Guarda imos seguir un sector da costa moi áspero e rochoso, primeiro a carón dos antigos viveiros de lagosta, ata a localidade de Oia, presidida por un mosteiro insólito na beira do mar.

Sen que o terreo amolente, o Camiño pasa polo embarcadoiro de Porto Mougás, e cando xa ollamos o cabo Silleiro e mailo seu faro ascende por unha vella calzada, atallando polo monte para chegar ata a feliz vila de Baiona.

Cando despois do cámping das Mariñas volves á estrada PO 552 atención, pois hai que recuar por ela algúns pasos para atopar o ascenso ó monte do cabo Silleiro.

Ó abeiro dunha fermosa baía, ornada con longos areais, tras cruzar a ponte da Ramallosa (século XIII) apartarémonos da costa a unha distancia considerable para continuar por un área cada vez máis urbanizada, pero coa presenza de varios pazos, o castro de Estea ou a igrexa románica de Coruxo.

A aproximación a Vigo, como adoita acontecer con todas as cidades, resulta un pouco conflitiva (rondas, parques empresariais), por máis que o Camiño soubo procurar un tránsito discreto polos arrabaldes de Comesaña e Matamá.

Entrar en Vigo é unha auténtica tolemia, porque o Camiño non se atopa a día de hoxe ben sinalizado, e as frechas amarelas son contraditorias, ofrecendo dúas opcións: dende Castrelos abeirando a cidade polo parque fluvial do río Lagares e mailo pazo de San Roque, ou dirixíndose ó centro, que que situamos no casco antigo co referente da concatedral.

 

As nosas suxestións

-Se tes escollido comezar na Guarda, ou durmido na vila, fai o posible por subir ó Monte de Santa Tegra, de 341 m de altura, a pe (3 km, 1 h). No alto poderás ver o seu gran castro escavado, o museo arqueolóxico, a capela dan santa e, por riba de todo, unha extraordinaria panorámica sobre a vila da Guarda, o esteiro do Miño e parte da costa portuguesa. Se non queres adestrarte, nin facer penitencia (o camiño segue un viacrucis), podes coller un taxi para o ascenso (baixar é máis doado).

E que ventura a do porto de Baiona, que ó arribar a carabela Pinta o 1 de marzo de 1483 foi o primeiro do Vello Continente en recibir a nova do descubrimento de América!

-Pérdete polos recantos do antigo casco mariñeiro da Guarda, con recunchos de moito sabor na contorna da igrexa de Santa María e maila praza do concello, coa Torre do Reloxo. Tamén podes ascender ata o castelo de Santa Cruz, que xusto no remate da súa construción, tamén é mal fado, foi conquistado polos portugueses (1665). Termina o paseo no porto, cun petisco nas súas tabernas.

-Entre mentres non se constrúe o hotel proxectado no Mosteiro de Oia, serás afortunado se te apuntas nunha visita guiada para coñecer o edificio; á igrexa sempre poderás entrar de balde.

-Houbo dous faros en Cabo Silleiro: o inferior, de 1866, fica fora da nosa ruta; o superior, de 1924, tamén, pero poderás achegarte a el dende o Camiño, e tamén ás baterías costeiras dispostas no monte. Se tes a fortuna de pasar ó serán, estarás tentado a deterte para ollar un dos solpores máis afamados de Galicia.

-En Baiona precisarás tempo de abondo para coñecer algo do moito que ofrece: 1. Entrar á fortaleza de Monterreal, ou cando menos abeirar a pe a súa cerca a carón do mar; 2. Descubrir os testemuños da arribada de Martín Alonso Pinzón, e subir á replica da carabela colombina; 3. Camiñar polo casco vello, e visitar a colexiata da Anunciada; 4. Coñecer o abraiante relato da mártir Santa Liberata na súa capela barroca; 5. Subir polo interior da monumental imaxe pétrea da Virxe da Rocha, obra de Antonio Palacios; 6. Tapear pola zona histórica, chea de tabernas e mesóns; e 7. Unha sesión de dolce far niente nalgunha das súas pequenas calas, ou xa en Sabarís na praia de Ladeira.

QUE FACER EN VIGO?

descripción

Citas peregrinas

-Poñer o selo na concatedral de Santa María constitúe algo máis ca un rito, fainos partícipes dunha grande tradición. Alén diso, no seu interior poderás ver o Cristo da Vitoria, que apareceu frotando no mar xunto ás illas Cíes, e tempo despois foi así bautizado pola axuda que proporcionou, iso din quen lle pregaron, para liberar a cidade das tropas napoleónicas o 28 de marzo de 1809. A data ten quedado tan ancorada na memoria colectiva que cada ano se segue a celebrar na súa honra unha multitudinaria procesión.

-A igrexa de Santiago de Vigo, neogótica e rematada en 1907, atópase na Rúa García Barbón. Ó noso apóstolo encántanlle as visitas dos peregrinos, a que agardas?

O imprescindible e céntrico

-Andar de vagar polo Vigo Vello e recoñecer, nas súas estreitas rúas, a humilde orixe mariñeira da cidade, de xeito moi especial nos soportais da Ribeira do Berbés, onde está a ser construído o noso albergue de peregrinos. A Praza da Constitución, na parte alta, é un feiticeiro espazo peonil e, coas súas terrazas, habitual punto de encontro.

-Probar as ostras de Arcade na veciña Rúa da Pescadería, onde as ostreiras as abren no mesmo intre de seren consumidas. A modo, poden resultar indixestas.

-Imprescindible unha incursión polo Vigo que mira á ría polo Paseo de Beiramar, onde teñen asento a estación marítima para cruzar a Cangas e Moaña, ou para ir ás Cíes, e tamén a xigantesca escultura dos Nadadores (Francisco Leiro). A carón do porto deportivo non deixes de fotografar a estatua dedicada a Jules Verne, sedente enriba dos tentáculos dun grande polbo, novelista que falou dos tesouros de Rande na súa obra 20.000 leguas de viaxe submariño.

-Un fuxidío encontro co puxante Vigo burgués e cos seus edificios pétreos de comezos do século XX esparexidos pola Alameda, Policarpo Sanz, García Barbón (o teatro García Barbón, de 1926, é un remedo da Ópera de París), Urzaiz, a comercial Rúa do Príncipe ou a Porta do Sol, onde se ergue a chocante estatua do Sireno (Leiro).

-Deixamos para o final un ascenso ó Monte do Castro, que ademais do xacemento prerromano (o vicus), posúe fermosos xardíns e miradoiros.

As nosas suxestións…, movéndose

Museo do Mar. O contido paga a pena, pero por riba de todo nos enfeitiza o continente, esa xenial intervención dun grande da arquitectura, Aldo Rosi.

Pazo Quiñones de León. Pasarás a rentes del se tes escollido a variante do río Lagares. O edificio, do século XVIII, acolle un museo de arqueoloxía e arte, pero o máis sobranceiro é o seu xardín histórico, un dos máis coidados e fermosos de Galicia. Ó redor esténdese o parque de Castrelos, pulmón verde da cidade.

Praia de Samil. Acontece o mesmo que co museo, non é preciso que pises a área ou te botes á auga, pódeste limitar a seguir o seu paseo marítimo descubrindo ó fondo a máxica silueta rochosa das illas Cíes.

Pazo e parque de San Roque. Na saída pola variante da Traída, un pequeno oasis urbano con miradoiros sobre a ría, bo lugar para nos despedir da cidade.

TRAMO VIGO-PONTEVEDRA (46,5 km)

descripción

A grande cidade será a túa perdición, procura pasar veloz por ela para evitares tentacións que te poidan entreter e pensa no teu certeiro obxectivo. ‘Non fuxe quen se retira’.

Empatando en Redondela co Camiño Central, que ven de Lisboa, poderás admirar a Ría de Vigo e alcanzar unha das cidades máis sinaladas do Camiño, Pontevedra.

Polo de agora, para evitar que a presión urbana e mailo balbordo poidan chegar a aturularnos máis do debido, a traza entre Vigo e Redondela se ten balizado pola coñecida como Senda da Traída.

Para guiarte ata o comezo da senda dende o centro da cidade, a mellor referencia é seguir decontino a longa Rúa Urzaiz ata o arrabalde do Calvario, e onde esta remata xirar á esquerda cara a igrexa dos Picos.

Os sinais acompáñanos, a carón da Fonte das Mozas, ata o comezo desta senda, que se introduce en zonas boscosas e amosa vistas sobre o estreitamento da ría, coa Ponte de Rande, e maila enseada de San Simón. Dende que albiscamos os viadutos do tren, o descenso a Redondela é rápido.

 

Vexo Vigo, vexo Cangas,

tamén vexo Redondela,

vexo a Ponte de Sampaio

camiño de Pontevedra.

                (Canción popular)

 

En Redondela toca pasar so os dous viadutos do ferrocarril, e a carón do albergue público da Casa da Torre (século XVI), onde podemos selar. A seguinte poboación é Cesantes; dende ela albiscamos a illa de San Simón, na súa apracible enseada, moi próxima á praia local.

Unha pista costenta leva ós altos da Lomba e da Cabaleira, dos que axiña descendemos do mesmo xeito, decontado, á localidade de Arcade. Pouco despois batemos coa longa ponte de Pontesampaio, que salva o río Verdugo.

Pola contra, a urbe fornécenos dunha marabillosa ocasión para desfrutar en tódolos sentidos. ‘O que non sabe gozar da ventura cando lle ven, non se debe laiar se lle pasa’.

Camiño de Pontevedra cóllenos desprevidos que nunha zona tan alterada se poida ter conservado, case que intacta, a calzada de Canicouva. A partir da capela de Santa Marta procede seguir unha estrada, pero existe unha digna e fermosa alternativa. A entrada na cidade de Pontevedra faise eterna, pero por fin chegamos ó seu casco antigo, un lugar idóneo para ficar se tiveramos oportunidade.

Se ben carece de sinalización, dende a capela de Santa Marta é doado desviarse á esquerda ata atopar a senda fluvial do río Tomeza ou dos Gafos, pola que seguiremos sen perda ata o comezo da cidade, onde foi emprazado o albergue público.

 

As nosas suxestións

-Desfruta paseniño da Senda da Traída, permanente miradoiro sobre a ría con longos treitos de terra, regos que baixan do monte formando fervenzas e mesto arboredo, unha insospeitada marabilla!

-Consulta o horario da circulación dos trens por Redondela, porque se te cadra vai ser un espectáculo ver pasar paseniñamente o ferrocarril polo viaducto de Pontevedra, de 1884, sobre as casas todas e maila túa testa entre mentres a estrutura de metal treme. O irmán maior, ou viaduto de Madrid, tras anos de servizo ten sido merecedor dunha feliz xubilación.

-En Arcade, no pasado en posesión dun sonado banco ostreiro, que subministrou á Corte para gozo dos padais de reis e cortesáns, constitúe un ritual probar as ostras da ría, no presente cultivadas en bateas. Entre dous unha ducia, cunha botella de viño branco, entra nun santiamén.

-Aínda parecen resoar os estoupidos en Pontesampaio. Sitúate na Guerra da Independencia: a avezada tropa do mariscal Ney, dunha beira, e a mal organizada resistencia de guerrilleiros, patriotas e estudantes galegos, da outra, provistos duns canóns de pau que ó segundo disparo rebentaban. Daquela, do mesmo xeito que ás veces acontece no fútbol, venceu David, e os gabachos foron forzados a retirarse.

QUE FACER EN PONTEVEDRA?

descripción

Pontevedra é boa Vila, da de beber a quen pasa, a fonte da Ferraría… (Cantiga popular)…máis non só auga.

 

Pontevedra é unha cidade sedutora e xa que logo merecente, cando menos, dun día completo para coñecermos o seu casco vello, o santuario da Peregrina, o variado e entretido Museo Provincial, os seus parques, a zona de tapeo,…

Citas peregrinas

Santuario da Virxe Peregrina. Rematado en 1794 por encomenda da confraría do Refuxio e a Divina Peregrina, o templo érguese sobre unha planta en forma de vieira, e a súa fachada é convexa, algo impropio dun estilo neoclásico que neste caso aínda sinte apego polo Barroco. A imaxe, no seu camarín, parece tocada para unha danza versallesca na corte de Louis XV. Misas: diaria ás 19,30 h (de peregrinos), domingo e festivos ás 13 h.

O imprescindible

Soberbo casco vello! Poderá supéralo Santiago? En monumentalidade si, pero non tanto en harmonía e pulcritude, porque aquí todo está impecable, e non se ve nin un automóbil. Recoñecementos moitos, así o Premio Europeo de Mobilidade (2013) ou o Hábitat da ONU (2014). Prazas como A Ferraría, e sobre todo, o Eirado da Leña, son estampas que non vas esquecer. O mellor é pasear sen présa, e saír da antiga améndoa murada para prolongar os nosos pasos pola alameda do século XIX e maila súa contorna. Ver Visit Pontevedra .

-A igrexa de Santa María. Que pertenceu ó gremio de mareantes e agora leva o título de basílica menor, e na que conflúen sen rechiar o gótico final ou isabelino, os adobíos manuelinos e máis o plateresco da súa fachada maior.

Museo de Pontevedra. Unha auténtica institución para a cultura galega, esparexido en nada menos que seis edificios de diversas épocas. O seu fondo é do máis variado: dos tesouros prehistóricos á estatuaria procedente do Pórtico da Gloria, e da mellor pintura clásica ás artes decorativas, pasando pola cerámica de Sargadelos, obras de Castelao e doutros artistas galegos, e ata unha reprodución do camarote da fragata Numancia.

 

As nosas suxestións

-Ó mediodía pódeste achegar ó mercado de abastos, onde ademais de coñecer os mariscos e peixes da ría e do Atlántico, e outros produtos galegos, poderás xantar no seu primeiro andar, que dende 2019 conta cun interesante espazo gastronómico.

-Se gustas dos cafés clásicos non deixes de acudir ó Moderno, decorado con pinturas, onde se xuntaba a intelectualidade galeguista nas primeiras décadas do século XX.

-Vai de viños, cervexas e tapas polo casco vello, un dos mellores de Galicia para practicar este san deporte. A oferta é infinda, achégase ós 300 bares!

-E se ficas un día máis na cidade cruza o río ata A Xunqueira e visita o gran parque da Illa das Esculturas, onde poderás atopar ata unha ducia de intervencións artísticas dos mellores creadores contemporáneos.

En Pontevedra adoita ser habitual que te enchan de dúbidas, se aínda non tes claro por onde vai continuar o teu Camiño, predicando as virtudes da Variante Espiritual. Ninguén nega que se trata dunha fermosa ruta polo Salnés e maila Ría de Arousa, pero endexamais foi un itinerario de peregrinos, e ademais debuxa un considerable rodeo. Non se debe confundir a peregrinaxe que segue os camiños históricos con turigrineo.

TRAMO PONTEVEDRA-SANTIAGO DE COMPOSTELA (65,2 km)

descripción

Que grande agarimo nos proporciona a Virxe Peregrina, tocada coa indumentaria dos romeiros para nos facer compaña na ruta.

Deixamos Pontevedra pola Ponte do Burgo, que xa existía na época romana, para seguirmos pola Xunqueiras de Alba ata a igrexa de Santa María de Alba. En paralelo á vía férrea ímonos adentrar nunha zona boscosa, á que suceden os viñedos de Barro.

Varios cruceiros van balizando a ruta, que se aproxima ó paradisíaco enclave da Muíñada de Barosa, composta por un conxunto de muíños ó redor dunhas fervenzas, con pozas para o baño e áreas de lecer.

Por unha chaira baixo emparrados alcanzamos Caldas de Reis, a vila termal situada á beira do río Umia.

A partires de Caldas volve gañar terreo o bosque, primeiro acompañando ó río Bermaña ata Carracedo, logo polo concello de Valga descendendo ó val do río homónimo ata San Miguel.

Dicimos adeus á provincia de Pontevedra abeirando a vila de Pontecesures, cruzando o río Ulla, que fai de límite coa da Coruña, e dirixíndonos polas súas veigas a Padrón, auténtico berce da tradición xacobea.

Cara o final de Pontecesures verás o desvío sinalizado que leva ó convento franciscano de Santo Antonio de Herbón, na actualidade en posesión dun albergue de peregrinos xestionado polos Amigos do Camiño. Dende Herbón tamén se atopa balizada a estrada que baixa a Padrón para empatar coa vía principal.

No traxecto entre Padrón e Santiago sucédense un feixe de lugares de interese: primeiro a antiga catedral de Iria Flavia, máis adiante o santuario mariano da Escravitude coa súa fonte santa, pouco despois o pazo do Faramello e, na súa contorna, o mítico Castro Lupario; e tamén preto o cruceiro de Rúa de Francos, con presenza de varias carballeiras que nos namoran.

Dende Osebe o territorio atópase moi urbanizado ata Santiago, e máis aínda a partires do Milladoiro. Neste punto, como acontece no Monte do Gozo, pódense ver por vez primeira as torres da catedral.

E que bo irmán o viño das Rias Baixas, e máis propiamente ese príncipe Albariño, ledicia do espírito e desculpa para parolar e facermos amigos.

A entrada na cidade de Santiago de Compostela faise preto das ruínas do castelo da Rocha Vella, perante a porta do mosteiro de Conxo e polo Ensanche, que nos conduce ata a Porta Faxeira e, seguindo a Rúa do Franco, ata a catedral.

 

As nosas suxerencias

-O desvío ata a Muíñada de Barosa é exiguo, pero a compensación inxente. Podes afrescar os pés na súa poza, marabillarte coa presenza dunha belida fervenza, xantar na taberna instalada nun dos muíños ou nas áreas de lecer dispostas á sombra. Son as pequenas sorpresas do Camiño, ledicias que sempre se recordan.

Caldas de Reis, que axiña vai contar cunhas pozas termais públicas para o baño, posúe un extenso parque botánico, na ribeira do Umia, ideal para o tempo de relaxamento.

Padrón é un compendio da lenda xacobea: 1. Na igrexa de Santiago, pródiga en iconografía xacobea, baixo o altar maior debes contemplar o sonado pedrón, ara romana á que os discípulos de Santiago amarraron a súa barca; 2. Da outra beira do río, por unha escada podes ascender ata a capela do Santiaguiño do Monte, espazo no que o apóstolo tería predicado e onde fixo abrollar, entre os penedos, unha fonte.

 

…saltando en terra os discípulos de Santiago amarrárona [a barca] a un groso piar de pedra que se atopaba no desembarcadoiro, o cal está agora na igrexa de Santiago, que se atopa a douscentos pasos deste desembarcadoiro, so o Altar maior, onde é visitado, e reverenciado por este respecto de todos os peregrinos.  (Mauro Castellá Ferrer, 1610)

 

-A dimensión literaria de Padrón (Macías O Namorado, Camilo José Cela) ten a súa máis sobranceira representante en Rosalía de Castro, auténtico mito das letras galegas. A súa Casa-Museo, afastada 1 km do centro, é un auténtico santuario sentimental. Se queres coñecer a alma de Galicia non deixes de visitala, axudarate a entender moitas claves do país que percorres.

-Entra na que foi catedral de Santa María de Iria, de portada gótica e torres con remate en escadas, similares ás existentes no claustro da catedral de Santiago e como aquelas inspiradas nas pirámides aztecas. O seu carón verás o melancólico camposanto de Adina, no que descansa o nóbel Camilo José Cela.

-Se queres seguir san bebe auga da fonte do santuario da Escravitude, enriba da que se levantou a monumental escada que accede a esa fachada barroca, prodixiosa, que se amosa como un remedo da do Obradoiro, pero a unha escala menor.

-Ímoste aconsellar un derradeiro desvío de 600 m, denantes de ascender a calzada do Faramello, ata o grande Castro Lupario, por sempre asociado á inicua raíña que fixo todo o posible para desbaratar o enterramento do apóstolo, pero que ó final acabou por converterse ó cristianismo. Un enorme xacemento arqueolóxico rodeado de carballeiras.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda