antes do camino

ELIXIR A ÉPOCA DO ANO

Elixir no caso de que se poida, porque o sistema no que vivimos non adoita pensar na túa felicidade, soamente nos intereses da estrutura produtiva. Deste xeito os moradores do hemisferio sur, ou os coreanos, polo xeral vense forzados a facer o Camiño en inverno. Non sempre é algo terrible, pero a posibilidade de que a friaxe, a neve ou os temporais nos causen atrancos é dende logo maior, e ademais vas ter que cargar con máis roupa de abrigo, os días son moi curtos, a roupa seca mal e a meirande parte dos albergues estarán pechados.

No extremo oposto atópase o verán, período de vacacións por excelencia, e polo común quente, o que favorece que algúns camiños estean ateigados, sobre todo de estudantes e mestres, circunstancia que altera ese ambiente de paz e acougo que moitos procuran. O síndrome das colas pode perseguirte entón para atopar praza nun albergue público, comer un menú do día ou, xa non digamos en Santiago, para acceder á catedral.

Daquela que nos queda? Pois as estacións intermedias, sen dúbida as máis recomendables en todos os sentidos, tanto dende o punto de vista da paisaxe coma da menor demanda, se ben maio e setembro xa se teñen convertido en meses de tempada alta.

A época do ano tamén debe ser posta en relación co clima que te vas a atopar nos diferentes camiños, pois na Península Ibérica se dan fortes contrastes entre o Norte, máis húmido e chuvioso; a Meseta Central, de clima máis continental, con días moi fríos e secos en inverno, e de calor en verán; e a zona meridional, onde as temperaturas poden ser moi elevadas entre xuño e outubro. Por outra banda, as previsións están a fallar moito ultimamente dados os efectos, cada vez máis contrastados, do cambio climático. Con isto queremos dicir que fagas o que fagas vas a xogar á lotería, e nada está garantido ó 100%.

ELIXIR O ITINERARIO

Aquí si que hai moita variedade, tanta que é para tolear.

Para comezar, te aconsellaríamos que non planifiques un Camiño de Santiago sen Santiago, pois isto soamente ten sentido se parcelas un itinerario en varios tramos por falla de tempo. A moda de  dicir que se vai facer o Camiño de Santiago, e se camiña unha semana por calquera ruta xacobea afastada de Galicia, e aí rematou o conto, é un dos absurdos do presente. En Francia hai milleiros de persoas que camiñan unicamente no seu país, ata o Pirineo, provistos de credenciais e cunchas de vieira nas súas mochilas. Cando lles preguntas se van continuar a Santiago contestan que non, que se cadra algún día. Son peregrinos? Pois non, soamente excursionistas co disfrace de peregrino.

A nós non nos prace actuarmos coma se estiveramos nun mercado e o cliente fora libre para escoller o que máis lle pete, porque entre os camiños hoxe en dia balizados hai moitos que nunca foron itinerarios maiores de peregrinos, soamente antigas vereas polas que puido pasar algún nalgún intre concreto, variantes, enlaces ou meras hipóteses sen fundamento científico.

Sempre recomendamos que, na primeira oportunidade, se faga o Camiño Francés, a ruta xacobea por antonomasia, a mellor documentada, mellor provista de servizos e con máis ambiente en tódolos sentidos. Unha ruta, ademais, na que as fases de aprendizaxe están ben definidas na súa permanente marcha cara occidente.

Outros itinerarios históricos maiores de longo percorrido son o Camiño Norte, cos diferentes enlaces co Francés (do Túnel de San Adrián, do Salvador, etc), a Vía da Prata ou o Camiño Portugués Central, todos eles con cadansúas variantes. Empatan no Francés varias rutas ben documentadas como os camiños Catalán e do Ebro, e tamén o Camiño de Madrid, que non tivo tanta relevancia histórica, ou o do Baztán, asemade menor. Do Mediterráneo, deica a Vía da Prata, proceden outros itinerarios coma os de Levante, a Lá ou os Mozárabes, con partida nas diferentes capitais andaluzas, e outros enlaces menores, pero nin teñen sido nin son rutas multitudinarias. Na media distancia atopamos o Camiño Primitivo, sen dúbida o máis antigo e montañoso, ou o Camiño de Inverno, con inicio en Ponferrada. E na curta distancia o Camiño Inglés, hoxe mutilado sen a parte correspondente da navegación, pois era o utilizado polos peregrinos chegados por mar dende diferentes países do Norte e Centro de Europa.

PLANIFICAR A DURACIÓN DA EXPERIENCIA

En función do tempo do que se dispoña haberá que elixir o punto de partida facendo un cálculo da distancia media que pensas percorrer en cada etapa (na marxe de 20 a 30 km). Isto quere dicir que se dispós dunha semana, e elo sen contar as viaxes de ida e volta ata o lugar de comezo, que ás veces se alongan máis do debido, terás que pensar nun camiño de entre 120 e 180 km, deixando un día de garantía ou para Santiago; se tes medio mes, xa vas poder percorrer entre 300 e 400 km, un itinerario de medio percorrido; e se es tan afortunado de contar cun mes ou algo máis, daquela serás quen de completar os itinerarios de longo percorrido, entre os 600 e os 900 km, ou sexa, o Camiño Portugués dende Lisboa, os camiños Francés ou do Norte dende a fronteira con Francia, e sumando unhas poucas xornadas máis a Vía da Prata dende Sevilla.

De querer continuar, como é tradición secular, a Fisterra e/ou Muxía, tes que calcular catro días máis.

En resumo, que se desexas facer un camiño ‘enteiro’ (esta categoría, evidentemente, expresa unha convención recente), para unha semana podes escoller o Camiño Inglés, e para medio mes os camiños Primitivo ou de Inverno. Outra opción pasa por partir os longos e comezalos ‘a tiro de pedra’: dende O Cebreiro unha semana para o Francés, dende Sahagún ou León dúas semanas, e así sucesivamente facendo contas.

O noso consello: canto máis tempo dediques ó Camiño mellor, porque ó final desexarás que non remate e se te vai facer curto.

A PÉ OU EN BICICLETA?

Esta pregunta ten unha resposta ben doada: sen ningún lugar de dúbida a pé. Non é unha opinión persoal ou caprichosa, senón un consenso froito da práctica. Moi lonxe quedan xa os días en que os bicigrinos acadaban máis do 25% do total. En 2019 a cifra ten baixado tanto en números absolutos coma en porcentaxe, ficando reducida a un 5,6%, polo que se achega á irrelevancia.

Calquera que se bote ó Camiño en bicicleta vai descubrir que a experiencia se vive dun xeito moi diferente. Vaise rápido de máis, a vertente deportiva é maior, non se coincide cos mesmos compañeiros a diario, a pretensión primeira de seguir en todo intre a mesma ruta dos camiñantes adoitase torcer, nos albergues públicos teñen preferencia os que chegan a pé, e o perigo é maior pola velocidade e o tráfico. Ademais, dada a difícil convivencia de ámbalas dúas modalidades en moitos tramos, cada vez se están a crear máis rutas só indicadas para ciclistas, e incluso está previsto que algúns tramos poidan ser pechados definitivamente para os de dúas rodas, sobre todo en Galicia, onde se está a marcar un disuasorio Eurovelo.

Non en vao a nosa web chámase ANDANTES, porque estamos persuadidos, tras ter probado ámbalas modalidades varias veces, que a verdadeira peregrinación debe ser feita a pé. Iso si, en bicicleta terás moito máis tempo para facer turismo e desprazarte pola contorna.

SÓ OU EN COMPAÑA?

Velaquí o dilema que moitos se fan, sobre todo os novatos. Unha volta que xa coñeces o Camiño a pregunta está de máis. Dicimos isto porque na tempada que vai de maio a comezos de novembro, e mesmo fóra destas datas nos itinerarios máis concorridos, sempre hai xente na ruta, e resulta moi doado xuntarse con outros compañeiros de marcha, en parellas ou pequenos grupos, aínda que sempre se respecte ó que queira camiñar en soidade parte ou a totalidade da xornada. Xa que logo, entender que para sentirte máis seguro, ou simplemente acompañado, cómpre buscar a alguén que comparta a túa paixón polo Camiño denantes da partida, non ten porque ser unha boa receita, porque despois, mesmo entre familiares ou amigos, ó longo dunha convivencia tan intensa poden xurdir problemas.

Coméntase, medio de chacota, que para as parellas con intención de formalizar a súa relación, índose a vivir xuntos ou casándose, non hai mellor proba de lume ca un Camiño de Santiago longo. Se a superan esta garantido o seu futuro.

Así pois, non teimes por convencer a alguén para que te acompañe agás que xa estea moi convencido, e tampouco a enviar desesperadas mensaxes polas redes sociais indicando as túas datas e plans. É moito máis seguro que unha vez en ruta te vaias aproximando ás persoas máis afíns, porque axiña vas comprobar, con abraio, que a meirande parte dos peregrinos o son.

Dende logo que se pode facer o Camiño en parella, familia, con nenos ou un grupo de amigos, pero tamén é certo que como mellor se adoita desfrutar da experiencia é en soidade, porque é a fórmula para rachar coas rutinas cotiás de toda caste, e tamén para abrirse ós demais, unha parte fundamental da experiencia.

O que de pouco valen no Camiño son as viaxes organizadas, esas excursións axuntadas trala bandeiriña. Nada máis lonxe da idea dun peregrino contemporáneo ca o armentío, onde todo tes feito, por moito guía cualificado que te dirixa e faga compaña; isto non é máis ca turismo convencional de axencia trasladado ó Camiño, e a diferencia doutros destinos aquí esta modalidade non encaixa: volverás sen ter aprendido practicamente ren da peregrinación.

COA MIÑA MASCOTA?

Por suposto que vas poder facer o Camiño coa túa mascota, entendemos que será un can, non pensamos noutra posibilidade. Porén, xa te adiantamos que te vai complicar un chisco a vida.

Para comezar terás que ter a súa documentación en regra, deberá estar vacinado e coa cartilla actualizada, levar posta a correa e, no caso das razas consideradas perigosas, un bocal, e tamén un colar anti-carrachas e pulgas. Se ben estarás afeito a saír co teu amigo a parques ou ó campo, no Camiño hai moitas poboacións pequenas con cans soltos, e tamén áreas gandeiras ou de caza, con animais igualmente sen atar e ás veces agresivos.

Porén, o principal problema vai ser o aloxamento, pois o listado vai ficar minguado ó ter que optar polos que si admiten mascotas, e case que nunca nos cuartos compartidos, senón soamente en patios ou xardíns, onde, se cadra, os ladridos e ouveos de estrañeza e receo acaban molestando á parroquia. Tampouco noutro tipo de aloxamento os admiten sempre, mesmo que se trate de cuartos privados, circunstancia que vai encarecer, sen dúbida, a túa viaxe.

Malia o exposto, a túa mascota vaise sentir tan leda ou máis ca ti ó poder acompañarte nunha aventura desta magnitude, e ata poderás conseguir unha Compostela canina ó final. A Asociación Protectora de Animais no Camiño, e diversos blogs, ofrécente máis información polo miúdo, e a nosa guía todos os albergues que admiten cans

ADESTRAMENTO

Ó xeito dunha brincadeira poderíamos dicir que o adestramento pódese facer antes, durante ou despois.

Se te tes adestrado minimamente denantes de partir, mellor que mellor, ninguén o dubida, sobre todo se non estás afeito a camiñar, e amolecer o calzado é máis que preciso. Tamén é bo probar a mochila para sabermos se vai ben axustada, e calcular ben o peso que vas cargar, para que a ruta non se converta nun suplicio.

Durante é o máis habitual, porque se non tiveches tempo de abondo para adestrarte terás que ir axeitándote ó propio Camiño, polo que convén que os primeiros días planifiques etapas curtas, a un ritmo máis vagaroso, e cando xa te vaian sentindo máis forte, e acades seguridade, alongues pouco a pouco a distancia.

E despois, porque trala malleira, por máis que cando un adquire a forma física adoita estar eufórico, tamén resulta convinte un pouco de relaxación muscular, como fan os deportistas despois dun esforzo intenso, non vaia ser que te agarrotes por pasar de todo a nada. Ademais, abofé que non vas querer perder a forma, porque o próximo Camiño xa estará no horizonte.

TELEFONÍA MÓBIL

Para peregrinacións de ata un mes de duración, en Europa ten deixado de funcionar, dende 2017, o cobro por itinerancia ou roaming, polo que pagarás polas chamadas o mesmo que coa túa tarifa de telefonía habitual.

Se ves de fora da UE, e para non aturar o encarecemento de tarifa, sobre todo a relacionada coa descarga de datos, a mellor solución é que adquiras unha tarxeta sim de pre-pago e recargable en España e/ou Portugal. Deste xeito poderás usar internet de datos, e facer chamadas no país, por un prezo aceptable (as de 5 GB e uns 30 min de chamadas custan sobre 25 €, outras ofrecen chamadas ilimitadas por 35-40 €).

A cuestión das chamadas internacionais está sendo resolta ultimamente coa utilización xeneralizada de Whatsapp, que permite facer chamadas e vídeo-chamadas de balde en todo o mundo se tes wifi. Tamén vas poder aforrar a navegación por internet se recorres ó wifi libre, servizo cada vez máis estendido en aloxamentos, cafés, bares, restaurantes, etc. En última instancia quédate a opción de acudir ás bibliotecas municipais ou casas da cultura, onde poderás usar libremente un ordenador conectado a unha rede wifi.

GUÍAS DE PAPEL

É o vello e clásico compañeiro do peregrino dende o nacemento da imprenta, con algúns autores que gozaron dunha grande difusión no pasado, como Herman Künig no mundo xermano (séculos XV-XVI) ou Domenico Laffi no italiano (século XVII).

No presente hai varias guías de prestixio, polo común distribuídas por áreas lingüísticas, que prestan este servizo, e adoitan ser actualizadas cada ano ou, o máis frecuente, cada dous anos. No caso de que esta actualización sexa adiada, é evidente que perderá valor, sobre todo no capítulo da información práctica, que muda decontino, pero non tanto na planificación de etapas.

A guía en papel, na que poderás facer anotacións, será unha boa lembranza do Camiño, porque é ben sabido que conservar os rexistros dixitais exixe de certa atención a medio prazo.

Se queres a guía máis vendida en castelán, con edicións anuais para o Camiño Francés, e cada dous anos para outros camiños, que se publica dende 2004, podes facerte coa nosa de Anaya Touring, un bo complemento desta web e, asemade, un recordo da túa viaxe para gardar coa credencial e maila Compostela.

AS APPS DO CAMIÑO

Proporcionan unha guía coma as de papel, e a súa principal virtude é que non pesan, porque as cargas no teu móbil, e acostuman incorporar os tracks, de maior ou menor calidade, do Camiño que teñas elixido. Porén, no mundo das empresas tecnolóxicas non adoita haber moitas persoas que percorran o Camiño a miúdo para actualizaren os datos e manteren un compromiso coa realidade da peregrinación, polo que convén que analices ben o produto denantes de descargalo, xa que moitas aplicacións están tanto ou máis desfasadas cas de papel.

A nosa web ANDANTES, en formato de app para a consulta, ten subscrito un compromiso para que ninguén se leve a engano: cada ficha informativa, dun itinerario ou servizo descrito, incluirá a data de actualización. Deste xeito terás unha garantía que a maioría agocha.

SEGURO MÉDICO

Se es cidadán da Unión Europea podes acceder ós servizos médicos públicos en España e Portugal (centros de saúde, ambulatorios, urxencias, atención hospitalaria) se estás en posesión da Tarxeta Sanitaria Europea. Non te esquezas de solicitala para que estea vixente ó longo da viaxe.

No caso de que veñas dun país que non pertence á UE, convén que subscribas un seguro de viaxe que cubra a asistencia sanitaria. Se ben o máis posible é que non te aconteza nada, e que para pequenas lesións ou problemas é normal que te atendan sen solicitaren nada, convén ser prevido para evitares desgustos.

As aseguradoras proporante diversas opcións, das máis básicas a outras con máis coberturas, pero o importante é que abrangan unha cantidade razoable dos posibles gastos médicos, de hospitalización e farmacéuticos perante unha lesión, doenza ou accidente, resultando tamén frecuente que inclúan traslados e compensacións por cambios de viaxe ou anulacións pola devandita causa.

Pódese contratar o seguro no teu país, denantes da partida, pero tamén cunha empresa española que venda algunha póliza especializada para peregrinos, que adoitan ser por períodos dunha semana, medio mes ou un mes completo. As máis económicas, cunha cobertura de ata 6.000 €, custan entre 10 e 25 € de acordo coa duración.

ADQUIRIR A VIAXE

Se xa sabes en que datas vas facer o Camiño, non te durmas e reserva a túa viaxe con anticipación, sobre todo se tes que voar, porque conforme se achegue a data o prezo subirá. Algúns peregrinos prefiren deixar o regreso aberto (máis caro), receosos de que non vaian poder completar a ruta nos días que teñen calculado. Porén, o máis habitual é que acabes por sorprenderte e que, agás atrancos inesperados, vaias máis rápido do que tiñas previsto, polo que o máis probable é que te sobren algúns días ó final para visitares Santiago, ires a Fisterra e Muxía se non o tiveras contemplado e mesmo desprazarte a outros puntos de Galicia.

PREPARAR A EQUIPAXE

Estes concellos soamente son para quen non teña saído nunca ó campo a facer sendeirismo, porque o que se poida dicir para o Camiño de Santiago neste aspecto é o mesmo que para calquera outra ruta agás algunhas singularidades, e cada quen sabe mellor ca ninguén o que precisa.

Na nosa opinión un adaxio, ideado polo arquitecto Mies van der Rohe, debe presidir a preparación: ‘Menos é máis’. Porque canto menos carga máis conforto, e canta máis sinxeleza de partida menos complicación con posterioridade.

Acostuma ser habitual que os futuros peregrinos calculen mal o peso e, axiña, se vexan na obriga de reorganizar a súa mochila e enviar algúns quilos de volta ó fogar (gasto salientable se é correo internacional) ou ata a consigna de Correos en Santiago. É por elo que paga a pena dedicar un pouco de atención ó asunto.

Unha regra de andar por casa di que non debes de superar o 10% do teu peso na mochila, ou sexa, que se pesas 60 kg non cargues máis de 6 kg, e se pesas 80 non máis de 8 kg. En realidade teñen moita máis importancia a forma física e mailo costume.

Vexamos, pois, cales son as cousas imprescindibles (algunhas básicas e moi importantes), aquelas que xa van en función do gusto ou a capacidade de carga, e as que moitas veces adoitan engadirse, por se cadra, pero que unha volta no Camiño non adoitamos botar de menos.

-O máis importante: Mochila e Calzado.

En función dos días que vaias camiñar, poderías pensar nunha mochila de 35 a 45 litros, dende logo de abondo. Non ter porque ser unha fantástica peza de marca, hainas moi aceptables a prezos económicos, pero iso si, probala ben antes e séntete cómodo con ela, pois debe ficar ben axeitada anatomicamente á túa altura, constitución e peso. Hoxe en día folga dicir que teña un bo armazón, tiras e a espaleira ben almofadada, bo axuste ós riles e sistema de transpiración, pois a maioría xa cumpre estes requisitos. Tamén é moi importante que dispoña dunha funda impermeable extraíble, ou doutro modo terás que mercala a parte e tela sempre a man. Pola nosa banda outorgamos moita importancia á distribución dos petos, porque aí, e enganchadas no exterior, vas ter que dispor as cousas que precises con urxencia: sandalias, chuvasqueiro, auga, comida, guía ou libreta, protector solar, chapeu, etc.

A distribución da equipaxe debe ser a seguinte: o máis pesado ó fondo e pegado ás costas, pero evitando os obxectos duros ou angulosos nesta zona, e todo máis ou menos ordenado en bolsas impermeables (mellor de plástico duro, que non faga ruído ó manipulalo, e con algún sistema de ventilación), separando calzado, roupa limpa e para lavar, capa, toalla e elementos para o aseo nun neceser, comida, etc.

No tocante ó calzado vai depender, sobre todo, do tipo de camiño e máis da época do ano. As botas de cana alta son as clásicas dos montañeiros, e suxeitan ben o pé evitando escordaduras de nocello cando se vai por chans irregulares. Son tamén as que mellor acostuman a soportar a auga e a lama. Porén, se fai calor poden requentar de máis os pés, e a súa rixidez as volve máis inconfortables. As botas de cana media son unha boa alternativa para o Camiño, e actualmente son moi utilizadas. Pero pensa que se te cansas das botas e trocas a outro tipo de calzado sobre a marcha, cargalas na mochila vai constituír un notable sobre-peso.

A alternativa ás botas son os zapatos e zapatillas de sendeirismo, de cana baixa, que evitan rozadas no nocello e adoitan ser de abondo entre primavera e outono. A súa grande vantaxe estriba no conforto, lixeireza e mellor transpiración, e as denominadas ‘de aproximación’ incorporan algúns elementos de reforzo, estabilidade e protección propios das botas. En itinerarios sen moitos atrancos, que son a maioría, resultan a opción perfecta.

As deportivas convencionais, que aínda vemos polo Camiño, de ningún xeito están recomendadas, pois teñen sido deseñadas para un uso ocasional, moi diverso do intenso que se lles vai dar no Camiño, ou para outros deportes, e carecen dos reforzos, suxeición de sola e sistemas de transpiración para longas andainas.

En tramos nos que abondan o asfalto ou o formigón, ou con recheos de terra pisada e en suma moi doados, por exemplo a maioría dos galegos, cada vez son máis os peregrinos que optan por unhas sandalias de trekking. O problema é que sempre algunha area ou pedriñas se poden introducir entre sola e peúgo, o que ademais de provocar incomodo, e máis paradas das debidas, fai medrar o risco de ter bochas. O noso consello é que leves un par para alternar coas botas ou zapatillas, en xornadas de moita estrada, e dende logo para pasear polos pobos e cidades no remate de cada etapa.

Recomendámoste que non aforres no calzado, e que procures calidade e bo axuste ó talón, sempre un número máis da túa talla habitual (incluso un e medio máis) para previr a inchazón do pé. Se vas a unha tenda déixate encarreirar polos expertos.

As solas deben contar cunha boa cámara de aire, e cun bo deseño para o agarre como o do Vibram, por máis que hai sistemas mesmo mellores. Para a impermeabilización adóitanse aplicar as membranas Gore tex ou similares, porque cando o pé se humedece en exceso xa tes practicamente garantidas as bochas. Estas membranas permiten a transpiración, pero dende logo non ó 100%, polo que se vas camiñar nunha estación pouco chuviosa, a súa presenza tampouco é imprescindible. Olla a resistencia da punteira e talón, as partes máis febles do pé. E lembra que o calzado hai que utilizalo ou domalo denantes de saír ó Camiño, cando menos a distancia de tres ou catro etapas, entre 60 e 100 km.

Á hora de utilizar as duchas, ou para camiñar polo aloxamento, son tamén imprescindibles unhas chancletas ou sandalias de goma, que nos van protexer dos fungos. Pola nosa banda non coidamos que sexa boa idea empregar tamén estas sandalias para os paseos posteriores, porque acabarán feitas unha porcallada e os teus pés outro tanto.

Hai quen tamén utiliza para os albergue e paseos, por pesaren moi pouco, unhas alpargatas de sola de esparto, típicas do País Vasco, e moi sas para os pés e máis ecolóxica, pero sumar catro pares ó calzado xa é pasarse da raia, ti verás.

-O imprescindible e os complementos:

Imos primeiramente cunha peza de roupa á que non se lle concede moita importancia é que resulta primordial: os calcetíns ou peúgos. Do mesmo xeito que o calzado a escolla vai depender da estación. Aquí tampouco aforredes e elixide, na ampla oferta existente, bo material técnico e contrastado.

Polo común os calcetíns levan máis dunha capa (dúas ou tres), con mestura de materiais sintéticos (poliamida, poliéster, coolmax, licra, nailon, acrílico) e/ou naturais (tencel, lá); para o inverno engádense diversas proporcións de lá meiriño, que é anti-bacteriana e máis quente. O algodón absorbe a humidade, e xa que logo non é aconsellable agás para o tempo de repouso e paseo.

As costuras deben ser chas para evitarmos rozadas. Tamén se deben comprobar os reforzos de punteira e talón, procurando que no segundo teña bo amortecemento. Escollede peúgos de talle exacta para que non se engurren, e que non aperten moito na parte alta da perna (defecto moi común). Fuxide das receitas caseiras de colocar dous pares finos, un enriba do outro, porque acabaredes provocando rozaduras e, sobre todo, abrasando os pés. O máis importante é afastar o suor da pel para evitarmos as bóchegas.

Polo que respecta á roupa interior, bragas ou calzóns, por máis que o algodón evita as rozadas absorbe o suor, e a sintética, se non é axeitada para o deporte, ten a propiedade inversa. Aquí o principal problema é, de novo, o que xeran as rozaduras, e máis aínda cando vai calor e suamos forte, sendo a parte máis afectada a ingua. Para elo débense evitar as costuras en resalte e procurar tecidos que transpiren ben, entre eles as mallas axustables de licra ou os tecidos de poliéster, que ademais secan axiña ó seren lavados. Os modelos seamless, axeitados ó corpo pola súa proporción de elastano, compren estas condicións e pódense utilizar sen pantalóns enriba.

E xa que falamos de pantalóns, se cadra pode ser unha boa idea levar uns longos e outros curtos, para alternarmos en función do tempo, ou uns desmontables. Procura que teñan varios petos, e que sexan dun material de secado rápido. Para o aloxamento ou a cidade non é mala idea contar tamén con algún pantalón de chándal medio ou curto. A oferta é inmensa neste campo.

Outra parte esencial da vestimenta son as camisetas, polo común de poliéster ou outro material sintético de rápido secado; hai quen prefire unha camisa de sendeirismo para mellor protexer o pescozo e vestir un pouco máis. Por certo, se non queres durmir coa mesma camiseta de camiñar, terás que pensar en levar outra a parte para a noite, e outro tanto cabe dicir da parte inferior.

Como roupa de abrigo adoita chegar un suadoiro ou xersei de trekking, máis lixeiro ou quente en función da tempada elixida, e outro para recambio entre mentres ventilamos ou lavamos o primeiro. Se camiñas en inverno precisarás a maiores dun forro polar.

Para a chuvia pode ser de abondo un chuvasqueiro ou rompe-ventos no verán, pero o máis común é que se leve unha capa ou poncho, de fibra hidrófuga e que non sexa moi pesado,que tamén permita cubrir a mochila. Elixe ben esta peza de roupa porque algunhas fan suar a mares, e acabarás enchoupado por dentro como se te tivera caído unha balloada. Tamén existe o recurso de levarmos un par de sobre-pantalóns impermeables, que son lixeiros e moi prácticos, así como cirolas, que soamente protexen as pernas e evitan que entre auga na bota ou zapato a través dos calcetíns. Hai quen tamén leva un paraugas abatible, algúns deles moi pequenos e lixeiros, que pode ser práctico en días de chuvia persistente, ou para as treboadas de verán nos paseos do serán.

Cando vai calor será unha tentación darche un baño en ríos, lagos, o mar ou piscinas, polo que non debe altar o traxe de baño.

Chegados á testa, boa cousa será contar cun fular ou pano para protexermos tanto o pescozo das queimaduras coma a gorxa da friaxe. Unha boa alternativa lixeira son as bandanas, que non pesan e lavan ben. E por suposto o chapeu, a poder ser de a de abondo larga para nos protexer do sol, ó estilo dos peregrinos clásicos; nós preferímolos ás gorras ou viseiras, algunha delas con protector de pescozo incorporado. En épocas moi frías, se es sensible, pensa nun gorro de lá con orelleiras, ou en levar as orelleiras a parte, e tamén nunhas luvas.

Ademais da roupa, outro elemento que incrementa o peso, pero actualmente aínda imprescindible, é o saco de durmir. É certo que cada día son máis os albergues que ofrecen roupa de cama, e moitos deles xa inclúen sabas dun só uso (a desbotar) ou de tea, con mantas ou edredóns, no prezo. Pero nos máis sinxelos terás que usar o saco, que ademais é teu e de total confianza.

Os materiais en que están feitos adoitan ser sintéticos, pero no recheo poden incluír pluma de ave. Os sacos clasifícanse por estacións: de dúas, os máis lixeiros, que realmente so están indicados para o tempo cálido; de tres, que son os máis recomendables, para primavera e outono; e de catro, para temperaturas baixo cero, que non teñen sentido no Camiño. En función do anterior, en verán podería ser de abondo un saco de 500 gramos de peso, e para as estacións intermedias terás que prever a temperatura mínima a soportar (a referencia válida é a temperatura de conforto que figura no saco), se ben nos lugares fríos poñerán a calefacción cando sexa preciso, polo que en ningún caso debería pesar máis de 1 kg. Nos preferimos, por comodidade, os modelos rectangulares fronte ós de momia, que son máis axeitados para as travesías de montaña. Por último, sinalar que no verán hai peregrinos que soamente levan unha saba de saco, e se teñen frío utilizan unha manda das que estean a disposición; deste xeito é doado alixeirar bastante peso.

Parécenos útil, por pesar moi pouco e ceibarnos de problemas de hixiene, portar unha funda de almofada de tea ou material desbotable. Para soportar os ronquidos dos cuartos comúns, os tapóns para os ouvidos, se os aturas, poden ser máis que recomendables.

Hoxe en día co móbil, ferramenta multi-funcional, xa non son precisos reloxo, espertador, GPS, máquinas de fotos (agás os virtuosos da fotografía), axendas de notas nin lanternas. Procura ter activada sempre a xeo-localización por se tiveras calquera problema. O que non está de máis, se ben o móbil tamén pode servir, é contar cunha libreta con bolígrafo e/ou lapis para facermos anotacións rápidas, non vaia ser que fiques sen batería no intre necesario. Non esquezades, dende logo, o cargador. E se queredes un informador clásico, a guía de papel, da que algúns van arrincando as etapas consumadas (poucos gramos van botar) sempre será un bo testemuño da viaxe.

Chega a quenda dos emblemas tradicionais do peregrino, entre eles a cuncha de vieira, que acostuma atarse ou coserse nun lugar ben visible da mochila; a cabaza, que practicamente ten desaparecido a non ser de moi pequeno tamaño e carácter decorativo; e máis o bordón. Este último, que podemos conseguir de atravesarmos algún bosque no inicio da ruta, ou adquirilo nunha tenda co seu regatón de metal, segue a ser moi útil, por máis que algúns o teñan por fastoso e pesado, xa que supera lixeiramente a altura da testa. De sabérmolo utilizar ben, axudaranos a contrapesar o corpo, valéndonos de reforzo en subidas e baixadas, evitando que esvaremos, afastando ós cans a unha distancia prudencial, e mesmo a un posible asaltador de camiños, permitíndonos, incluso, varear froita das árbores.

A modo con bordóns e bastóns, que os carga o diaño! Non te vaia pasar ó mesmo que a Jean-Baptiste Lully, aquel mestre músico de Versalles que marcaba con tantos azos o ritmo co seu bastón, que un día atravesou o pé e acabou con gangrena. Vade retro!

Os substitutos do bordón son os bastóns, que tamén poden ser de madeira, máis rexos pero pouco flexibles, e sobre todo os telescópicos de marcha, máis doados de gardar e transportar, un ou dous (realmente dous para que teña moita práctica no uso e os saiba regular axeitadamente, porque a tendencia a engruñarse é maior). Estes bastóns poden prexudicar o equilibrio natural e mesmo provocar molestias ou lesións no pulso, cóbados e ombreiros, e constitúen un auténtico estorbo nos treitos asfaltados, que son abondosos, coas súas finas punteiras pensadas para o firme de terra.

Deixamos para o remate os elementos vinculados coa alimentación. Unha pequena cantimplora para a auga. Abofé que hai unha chea de fontes e bares na meirande parte dos camiños, pero non está de máis, mellor metálica por hixiene, ou de plástico ríxido. Dun litro é de abondo, e se un día houbera unha xornada polo deserto (acougade, é unha charabisca), compra botellas para completar. Se queres levar viño, como facían os peregrinos de antano nas súas cabazas, podes recorrer a unha artesanal bota de pel de cabra, que aínda son fabricadas en moitos lugares de España.

…e esta bota que vas pendurando do pomo da cadeira, si ou non, es tan devota miña e quérote tanto que te prodigo mil bicos e mil apertas, alzándote ás nubes con medo de que recollas a auga! (O Quixote)

Unha navalla como deus manda, por máis que sexa moi práctica a multi-usos chamada suíza, será boa compaña do peregrino para toda función, á que se pode engadir un xogo básico de cubertos de viaxe (culler, garfo, coitelo para untar), e como moito un cazo de aceiro inoxidable para nos facer unha infusión ou quentar en calquera lugar unha sopa. Hai quen tamén se leva unha mini-neveira de viaxe ou despensa portátil para mellor conservaren os alimentos que teñan sobrado do día anterior, ou para consumir na etapa, utilidade que pode suplir unha pequena bolsa térmica, pero neste ámbito non paga a pena cargar, senón ir consumindo decontado o que teñamos mercado. Iso si, lévate unha bolsa da compra de tea resistente e non moi grande para as túas compras, é o máis ecolóxico. Nalgúns hostel e albergues precisarás dun cadeado para poderes usar os armarios, e non sempre se poden alugar.

No campo do aseo e maila limpeza persoais, será preciso contar cun neceser para a ducha, e nel gardar o que precisemos, sempre en formatos de viaxe a ir repoñendo ó longo da ruta: as tres x, xel-xampú-xabrón, ou mellor todo nun; pasta e cepillo de dentes, fío dental, xel ou escuma e máquina de afeitar, tampóns e compresas, desodorizante, pinzas de depilar, peite, corta-unllas, crema hidratante,… A toalla non debe ser moi grande, sempre de micro-fibra, que absorba ben e seque axiña.

Para os insectos imos poder precisar un repelente, sobre todo para os mosquitos, e se queres ser moi precavido tamén podes cargar un pulverizador anti-percebellas. Polo que atinxe á caixa de urxencias, se ben nas farmacias da ruta podes conseguir todo o que precises, se non fías no futuro podes levar un analxésico, apósitos ou agulla e fío esterilizados para bochas, unhas tesoiras pequenas, apósitos adhesivos, esparadrapo de seda, gasas, vaselina, talco ou cremas anti-rozaduras, alcohol de romeu, un desinfectante, un antihistamínico e algún método anticonceptivo. Quen estea medicado terá que lembrarse de levar as súas doses habituais.

E non esquezas o protector solar, sendo boa idea contar cun bote para ir enchendo, e un dispensador máis pequeno sempre a man, e os panos de papel; para unha urxencia en medio do campo, tamén un pouco de papel de wc. Hai quen non pode camiñar ó aire libre sen uns anteollos de sol. Para días de pouca visibilidade, nos que teñas que camiñar por estradas, vai provisto dunha cinta reflectante, a dispor na mochila.

Para lavar podes precisar un chisco de xel, deterxente en po ou unha pastilla de xabrón Lagarto ou similar, en lugares que non cho proporcionen ou vendan, pero tamén é posible utilizar o mesmo do corpo. Tamén é bo levar algunhas mini-pinzas para prender a roupa (non sempre hai), unha corda para tender (caso de que falle, ou cando teñas que facelo no propio cuarto), e uns imperdibles, prácticos para enganchar no exterior da mochila a roupa que aínda non secou o día anterior.

Fóra da mochila convén, nunha faldriqueira, mochiliña frontal, bolso en bandoleira ou calquera outro sistema, cada quen conforme ó seu gusto e costume, levar o máis preciso: documentación, tarxetas bancarias ou de seguros, algo de diñeiro solto, o móbil, se cadra a libreta, algo para escribir, a cámara de fotos compacta… Para agochar o diñeiro, se traes máis cantidade, hai diversos sistemas como os cintos ou faldriqueiras interiores. E, por suposto, non te esquezas da credencial.

-Cousas que no se deberían levar.

A esteira xa non ten senso, pois a día de hoxe non se acostuma durmir no chan, e se por desgraza te viras obrigado a facelo, por estar todo cheo, nun polideportivo ou aloxamento de emerxencia, o máis posible é que te dean unha colchoneta.

Nada de lanternas, nin desas que se axustan á cabeza, tipo mineiro, porque camiñar de noite é unha absoluta inconveniencia.

E tampouco roupa de máis, pensando en vestirmos de rúa, e unturas de beleza. Algúns coidan que trala camiñada vólvese cada serán á vida real, e hai que estar magníficos. De programar así o Camiño deberías facelo, se cadra, en auto e a poder ser con chofer.

O de cargarmos aparellos para cociñar, en aras dunha caste de autarquía, é merecente de gañar a palma do martirio. Se chegas a un albergue que non os teña, pois daquela te comes unha ensalada ou un bocadillo, que por un día non vas morrer. Mesmo temos visto xente con cociñas portátiles; sen comentarios.

Xa temos dito que non ten sentido cargar comida de reserva, por exemplo a enlatada, porque non vas camiñar pola selva e poderás mercar a diario case que todo o que precises.

E outro tanto sobre a idea de portar unha super-caixa de urxencias, pensando nos mil perigos que te poidan axexar, porque cando saes a fin de semana a camiñar polo campo ou o monte abofé que non lestas nada nin perdes o tempo nestas lerias.

Pensa que cada dous ou tres días vas ter que facer a colada, as máis das veces bastará cun lavado lixeiro para quitar o suor e ó tendal, pero tamén que a maioría de aloxamentos dispoñen de lavadora e secadora, que poderás usar en días chuviosos poñéndote de acordo con outros peregrinos para aforrar. Xa que logo, o relacionado co lavado tampouco debe preocuparte en demasía.

Visto o anterior teríamos:

            -Unha mochila de 35-45 litros.

            -Un par de botas, zapatos ou zapatillas de trekking.

            -Un par de sandalias de trekking.

            -Unhas chancletas de ducha.

            -Catro pares de calcetíns.

            -Tres ou catro mudas para a roupa interior (bragas, suxeitador, calzóns).

           -Pantalóns desmontables (ou ben uns longos e outros curtos).

            -Pantalóns de chándal ou lixeiros.

            -Tres ou catro pares de camisetas e/ou camisas.

            -Un xogo de roupa para durmir (opcional).

            -Dous suadoiros e/ou xerseis de trekking.

            -Un polar (soamente se vai facer frío).

            -Poncho ou chuvasqueiro.

            -Sobre pantalóns impermeables e/ou polainas.

            -Chapeu.

            -Bandana ou pano para o pescozo.

            -Traxe de baño.

            -Saco de durmir.

            -Funda de almofada.

            -Teléfono móbil (máquina de fotos?).

            -Bordón, bastón de madeira ou telescópico.

            -Cuncha curva de vieira.

            -Cantimplora.

            -Navalla simple ou multi-función, xogo de cubertos, abrelatas…

            -Cazo de aceiro inoxidable.

            -Neceser con produtos de aseo.

            -Toalla de microfibra.

            -Mini-caixa de urxencias.

            -Protector solar.

            -Vaselina ou crema anti-rozaduras.

            -Panos de papel, papel de wc.

            -Mini-mochila, bolso ou faldriqueira.

            -Credencial, documentación, tarxetas, diñeiro.

Pois ben, vai agora á báscula e se a túa mochila pesa entre 6 e 8 kg estás no bo Camiño, pero se o peso se achega ós 10 kg ou os supera, agás que sexas unha persoa atlética e afeita a cargar, ou que vaias camiñar en pleno inverno, en que será habitual aumentar o peso en 2 kg, deberías soltar lastre.