camiño inglés

O denominado CAMIÑO INGLÉS é o máis curto dos itinerarios xacobeos, xa que discorre soamente por Galicia, sen saír da provincia da Coruña.

A súa xustificación histórica atópase nas peregrinaxes por mar chegadas do Norte de Europa, e máis concretamente dende Inglaterra, moi salientables na Baixa Idade Media.

O principal porto receptor de peregrinos, sobre todo nos séculos XIV e XV, denantes do cisma anglicano de Enrique VIII de Inglaterra, era A Coruña. Porén, e dada a proximidade desta cidade a Compostela (75 km), hoxe é Ferrol, segundo porto en importancia do Golfo Ártabro, o que se ten convertido en comezo maioritario desta ruta (116 km a Santiago).

Hoxe en día, conforme os datos da Oficina de Peregrinación de Santiago, percorren este Camiño case que 16.000 peregrinos cada ano (2019), o que supón un 4,5% do total. A cifra non ten parado de medrar nos últimos anos. Pola súa banda, Ferrol é a 5ª localidade da que saen máis peregrinos.

No Camiño vas atopar a obra daquel nobre e grande cabaleiro medieval, D. Fernán Pérez de Andrade ‘o Bo’, que levantou para ti sete Pontes, sete hospitais, sete mosteiros, sete igrexas…

En Galicia, por máis que camiñemos na proximidade da costa, sempre hai outeiros e costas, pero en xeral podemos falar dun traxecto doado de facer, sen grandes atrancos agás o banzo entre a comarca das Mariñas e maila Terra de Ordes, que é superado dun xeito máis abrupto polo ramal que ven da Coruña.

Xa que logo propoñémosvos un Camiño doado de facer para todos, con indubidables engados costeiros e doces paisaxes de interior dominados por pasteiros, cultivos e, sobre todo, bosques.

No plano monumental contamos coas cidades de A Coruña, cun faro romano declarado Patrimonio Mundial da Unesco, e Ferrol, urbe da ilustración que tamén é candidata ó mesmo recoñecemento. Completan este panorama dúas vilas históricas salientables: Pontedeume e Betanzos.

Has saber tamén, pois non é bo enganar a ninguén, que abondan as áreas urbanizadas, e que vas ter que atravesar algúns polígonos industriais, camiñar á beira de autoestradas e pisar máis asfalto do que desexarías, se ben imos ofrecerte alternativas.

Mais non descoides, bo amigo, encher o teu bandullo cos manxares que te proporciona a terra: os pementos do Couto, o pan de Neda, a costrada de Pontedeume, esa gorentosa tortilla de Betanzos, os grelos de Monfero e Ordes…

A oferta de albergues non é aínda moi grande, pero os aloxamentos alternativos adoitan facer bos prezos ós peregrinos. En tempada estival é convinte reservar, sobre todo no sector costeiro de Pontedeume, que é o máis turístico.

Dende Ferrol pódese completar o Camiño Inglés de vagar en cinco xornadas, e dende A Coruña en tres ou catro. A quen non coñeza o terreo recomendámoslle que dedique cando menos un día á cidade de partida, sexa Ferrol ou A Coruña, e outro, por suposto, a Santiago de Compostela. Deste xeito, nunha semana terás o Camiño Inglés completo.

 

COMO CHEGAR A FERROL OU CORUÑA?

O máis rápido pasa por chegar ó aeroporto coruñés de Alvedro (LCG), conectado con Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Alacant-Elx, Bilbo, Palma de Mallorca, Gran Canaria, Tenerife ou Londres. Terás que baixar ata a cidade, distante 8 km, en bus de Autos Calpita, con servizo cada 30 min, de 7,15-21,45 h, ata o casco vello (Hospital Abente e Lago), por 1,55 €, ou taxi (20-25 €). Aquí xa podes dar comezo ó teu Camiño, ou desprazarte a Ferrol en bus de Arriva ou, máis paseniñamente, en tren Renfe, a Ferrol.

-Dende o aeroporto Rosalía de Castro (Santiago) terás que baixar á cidade en bus de Empresa Freire , cada 30 min día e noite, por 3 €, e da estación de autobuses continuar a Ferrol en Monbus, ), traxecto de 1 h 20 min, 8 €. Dende o aeroporto tamén hai un bus Travidi directo ó centro de A Coruña, lu-ve a 10,30 h e 22,15 h, fs. soamente o segundo. Outra alternativa é ir a Coruña en tren, con bo servizo (30 min, 7,60 €), pero a Ferrol non compensa.

-Ata A Coruña ou Ferrol tamén se pode chegar en tren ou autobús dende diferentes cidades de España, Portugal e outros países de Europa.

tramos

QUE FACER EN FERROL?

descripción

Citas peregrinas (obter a credencial)

Oficina de Atención ó Peregrino Vía Compostellam. Paseo da Mariña, s/n. Telf. 981 944 252. No lugar de comezo da ruta.

-Concatedral de San Xián, onde de 10,30-13 h e de 18-20 h nos atenderán na sancristía. Misas ás 11 e 19,30 h, domingo tamén ás 13 h.

Oficina de turismo da Plaza de España. Telf. 981 944 251.

-Como última alternativa atopase a Domus Ecclesiae (Rúa Miramar, s/n, Canido). Telf. 981 353 295. De luns a xoves de 8,30-14,15 e 16-18,30 h, venres so pola mañá.

Atención, se non tes podido conseguir a túa credencial en Ferrol non chores. Tes outra oportunidade no albergue de Neda, ¡e ademais co selo de Ferrol xa estampado!

O imprescindible

-O barrio ilustrado da Madalena coas súas rúas tiradas a cordel, dúas grandes prazas, e edificios de galerías, moitísimos, e modernistas de Rodolfo Ucha.

-A concatedral de San Xián, sobrio edificio neoclásico de Sánchez Bort, moi a xogo co estilo da cidade, onde non pegaría nin con cola unha gótica.

-Os dous museos da Armada, únicos no seu xénero en España: o Naval, de carácter histórico, e máis Exponav, dedicado á construción naval.

As nosas suxestións

-Fai a túa compra de víveres no mercado de abastos da Madalena, emprazado mesmo fronte da fachada da concatedral. A diario de 7-17 h, os venres ata as 21 h, sábado ata as 15 h. Abre tamén o terceiro domingo do mes coa feira.

-Vai dar un paseo polo arrabalde de Canido, ateigado de murais inspirados nas Meninas de Velázquez, e ademais cun curioso Museo de Historia Natural na súa praza, chea de terrazas.

-Visita algún dos cafés con engado e posterior sesión de tapeo polas rúas do centro (ver listados) ou cruzando a ría na barca a Mugardos (de xullo a setembro, ida cada hora e volta nas medias, de 11-14 e 16-20 h) para probar o seu afamado polbo guisado, único en Galicia.

TRAMO FERROL-BETANZOS (48,8 km)

descripción

Imos discorrer polo Golfo Ártabro, abeirando tres das Rías Altas e cruzando varias pontes, algunhas das cales foron mandadas tender por Fernán Pérez de Andrade no século XIV.

 

Non fales mal da ponte ata ter cruzado o río. (Proverbio)

 

Unha volta que teñamos deixado atrás Ferrol, o seu arrabalde de Caranza e mailo polígono de A Gándara para rodear o fondo da ría, ata Neda nos agarda un paseo agradable, en ocasión un tanto artificial por riba dos sucesivos paseos marítimos. Aforrarás 500 m se en lugar de cruzar a ponte de pedra de Xubia empregas a peonil con dous arcos de tirantes.

Nin se te pase polo maxín, peregrino, cruzar a ponte das Pías para atallar! Por aquí endexamais pasou o Camiño, e deixarás de man Xubia, o mosteiro do Couto e Neda. Se non queres camiñar, mellor fica na casa.

Neda, que tivo máis relevancia ca Ferrol no Medievo, é un lugar elixido por moitos para facer noite.

Entre Neda e Pontedeume sucédense as costas, e tralo polígono empresarial de Vilar do Colo, que se ten comido a traza histórica do Camiño, dous cruzamentos, perigosos, da N 651, un auténtico tormento.

Que tentación dende Pontedeume, a de te desprazar, por unhas horas, ata as Fragas do Eume, bosque máxico caducifolio presidido por un mosteiro en ruínas…

Descendo a Cabanas verás un desdobramento do Camiño, cunha variante á esquerda que cruza a nacional nun lugar con máis visibilidade. Se es moi medorento podela tomar, pero ten máis costas e acabarás facendo 1,4 km de máis.

Pontedeume, á que nos achegamos por unha longa ponte de orixe medieval, é unha das localidades máis feiticeiras e alegre do Camiño Inglés, razón que adoita convertela en fin de etapa.

A saída de Pontedeume faranos suar, unha empinada costa que lembraremos incluso despois de ter chegado a Santiago. Ende ben, os primeiros bosquetes e maila medieval ponte Baxoi interpóñense denantes de chegarmos a Miño, que dispón dunha praia de cine.

Máis pracenteiro e rural é o traxecto de Miño a Betanzos, que por un intre se transforma nun balcón sobre a ría homónima e mailas súas xunqueiras.

Betanzos é, sen dúbida, o conxunto histórico que mellor reflicte o espírito da peregrinación medieval, pois conserva a súa traza urbana daquela época e tres igrexas góticas.

 

As nosas suxestións

-Acouga no paseo arborado da praia de Caranza, verás á xente mariscar na ría.

-Bótalle un ollo á cabeceira románica do mosteiro de San Martiño de Xubia ou do Couto, e se tes a fortuna de pasares a fin de semana poderás entrar á igrexa, que permanece aberta pola mañá.

-Entra saudar ó Cristo da Cadea (igrexa de Santa María de Neda), do século XVI, que foi rescatado do furor anglicano e vendido polo capitán John Dutton.

-En Neda desfruta da súa Rúa Real provista de soportais, admira o cruceiro gótico a carón da igrexa de San Nicolau, e non deixes de probar o seu pan artesán, un dos máis afamados de Galicia.

-Todo semella un chisco de broma en Fene: ademais de contar cun Museo do Humor (entrada de balde), no seu parque de Castelao, a beira do Camiño e ideal para acougar, hai un monumento ó Pallaso.

-Se vas folgado de tempo desvíate 400 m ata a praia da Madalena, en Cabanas, na compaña dun delicioso piñeiral (en Pontedeume non hai praia, vaites, vaites!).

Pontedeume vaite engaiolar se das un paseo polo porto, entras na torre medieval dos Andrade ou te perdes polas rúas e ruelas do seu casco vello, subindo ata a igrexa de Santiago, que posúe unha fermosa imaxe medieval sedente do apóstolo (século XIV).

-É a túa derradeira oportunidade para darte un baño, ou tomar o sol, nun areal de categoría: a Praia Grande de Miño.

-Denantes de baixar a Betanzos detente un intre en Betanzos Vello para coñecer a igrexa románica de San Martiño de Tiobre, e xa ás portas da cidade entra no Santuario de Nosa Señora do Camiño (século XVI), que por algo é a nosa protectora.

Betanzos es mucho Betanzos: 1. Un casco histórico medieval cheo de praciñas, rúas en costa, galerías, portas da cerca; 2. Tres templos góticos, Santa María, Santiago e San Francisco, cada cal máis interesante; 3. O sartego de Fernán Pérez de Andrade o Bo, sostido por un oso e máis por un porco bravo, na igrexa de San Francisco; 4. Un parque enciclopédico indiano ateigado de curiosidades; 5. A praza dos Irmáns Naveira, cos seus soportais e terrazas, que cada domingo se enche de actividade coa feira; 6. O emerxente viño de Betanzos, elaborado coa uva Branco lexítimo; 7. A arquicoñecida tortilla de pataca local, pouco feita por dentro; 8. E unha zona de tapeo de grande sabor nas Calexas e contorna.

TRAMO BETANZOS-SANTIAGO DE COMPOSTELA (66,7 km)

descripción

Dende a comarca das Mariñas, declarada pola Unesco Reserva da Biosfera, haberá que ascender o banzo que a separa da Terra de Ordes, unha meseta agro-gandeira pola que avanzaremos moito máis rápido ata Compostela. A partires de Hospital de Bruma, onde houbo unha albergaría para peregrinos dende o século XII, todo será coser e cantar, pero non teñamos exceso de confianza…

 

Quen todo o xulga fácil atopará a vida difícil. (Lao Tsé)

 

Se cremos que dende Betanzos todo vai ser xa costa arriba estamos enganados, porque do que se trata é de salvar unha sucesión de vales transversais, o máis importante o do río Mero, denantes de chegar a Cos.

Entre Cos e Presedo a delimitación do Camiño é un desastre, 4 km de estrada sen beiravía, pero existe unha variante moito máis segura e fermosa que te recomendamos encarecidamente.

O terreo forestal imponse, e tralo encoro de Beche atopamos o treito máis forte de ascenso ata As Travesas, xa moi preto de Hospital de Bruma, lugar emblemático do Camiño Inglés.

Traxecto negro o que segue a estrada AC 542 ó saír das Travesas: 1,6 km sen beiravía, a miúdo envolta na néboa e con longas rectas. Sexamos precavidos, porque se ben existe a alternativa histórica, non foi sinalizada.

Aldeas agrarias, con topónimos viarios (A Rúa, A Calle), sucédense entre Bruma e A Baxoia. Os campos abertos, de pradaría e cultivos, dan paso ó bosque a partires de Casanova, que conta cun fachendoso albergue público.

Entre A Baxoia e Sigüeiro balizaron o Camiño mesmo á beira da autoestrada AP 9, arrepiante compaña ó longo dunha hora de marcha. A alternativa, por unha vía forestal, é ben doada de seguir: unha longa recta entre os eucaliptos. Por certo, dende A Calle sucédense 13 km sen ningún tipo de servizos.

Grandes eucaliptais, e máis un polígono empresarial, preceden a Sigüeiro, moderna capital do concello de Oroso nada ó redor da ponte medieval mandada tender por Fernán Pérez de Andrade o Bo. Accedemos á localidade por un fermoso parque no que se fai memoria de varios peregrinos históricos.

Unha idea para que non se te faga tan curta a experiencia: proseguir dende Santiago ata Fisterra e Muxía, artellando así un Camiño Atlántico con principio e remate no mar! 12 días serán de abondo.

Dende Sigüeiro o Camiño ía, ata 2017, á esquerda da N 550 por pistas forestais, pero cambiaron a traza cara á dereita, por unha insulsa zona de concentración parcelaria. Aínda é posible seguir a antiga dende a igrexa de Santo André da Barciela.

No tramo final a paisaxe vese alterada a medida que nos imos aproximando á cidade, que tras ter atravesado unha engaioladora Carballeira nos recibe co polígono industrial do Tambre. Superado o camposanto de Boisaca, e máis o arrabalde de Meixonfrío, entramos no casco antigo dende San Caetano, baixando polas rúas de Basquiños e Santa Clara para alcanzar a catedral polas da Troia e Acibechería. Chegamos, e non ten sido tan doado como pensabamos, a Santiago de Compostela.

 

As nosas suxestións

-O Mesón-Museo Xente no Camiño, en Presedo, é un punto de encontro imprescindible decorado coas pinturas de temática medieval de Alfredo Erias.

-Poucos lugares con maior forza simbólica que Hospital de Bruma, un centro de acollida que xa existía en 1140, xusto onde remata a costa, e que hoxe revive a súa histórica co seu herdeiro, un albergue.

-Por máis que non o elixas para durmir, párate un intre no albergue de Casanova (Poulo), meritoria rehabilitación dunha antiga casa reitoral.

-Malia a imaxe de arrabalde periférico que ten Sigüeiro, vaite recibir co parque do Carboeiro, onde se fai homenaxe a peregrinos sobranceiros doutro tempo. E a carón do Tambre, coa ponte medieval aínda en servizo, existe unha deliciosa senda que, augas arriba, prolóngase ata a illa do Refuxio coa súa área de lecer.

-Inesperado o derradeiro bosque, antes de chegarmos a Santiago, formado ás beiras do río Sionlla, tanto pola nova traza do Barral coma pola antiga de Formarís, cunha Carballeira máxica que acada a súa máxima expresión ás costas do Hotel Castro.

QUE FACER NA CORUÑA?

descripción

Citas peregrinas

-Expiden a credencial na igrexa de Santiago, onde comeza oficialmente o Camiño. Despacho parroquial de luns a venres de 11,30-13,30 e 18,30-19,30 h. Misa diaria ás 20 h, domingo e festivos tamén ás 12,30 h.

-Información sobre a cidade na Oficina municipal de Turismo. Plaza de María Pita, 6. Telf. 981 923 093.

O imprescindible

A Mariña, coas súas brancas galerías, asómase ó porto onde atracaron os navíos que traían ós peregrinos. Tras dela atópase a harmoniosa Praza de María Pita, onde se ergue o monumento á heroína que combateu ós fillos e netos daqueles peregrinos, que tentaron conquistar á cidade, en vinganza pola Armada Invencible, ó mando de Drake. A un paso queda a Cidade Vella, núcleo medieval coa súa igrexa de Santiago, a colexiata de Santa María ou o Xardín de San Carlos, onde repousa outro inglés, o xeneral Sir John Moore, morto na batalla librada contra dos franceses ás portas da cidade. Ingleses amigos, ingleses inimigos, ingleses…

 

Temos que deprender a navegar entre falsos amigos e verdadeiros inimigos. (Paulo Coelho)

 

-A torre de Hércules, único faro romano aínda en funcionamento, que foi recuberta no século XVIII e declarada Patrimonio Mundial en 2009.

-O paseo marítimo, máis sinaladamente no seu sector da enseada do Orzán (praias urbanas), ateigado de paseantes cando loce unha raiola.

As nosas suxestións

-Unha visita ó castelo de San Antón, hoxe en día Museo Histórico e Arqueolóxico, que ocupou un illote, agora unido a terra, e acolle algún tesouros da cultura castrexa.

-Se gustas dos peixes, e non soamente para comelos, o teu lugar pode ser o Acuario Finisterrae, onde atoparás unha recreación do submarino do Capitán Nemo arrodeado de especies atlánticas e quenllas.

-Perderse, ata atoparse, polas interminables e sempre animadas rúas dos viños, dende a Estrela a Troncoso, pasando por Olmos, Galera, Barreira e A Franxa.

VARIANTE A CORUÑA-HOSPITAL DE BRUMA (33,5 km)

descripción

O faro que guiaba a navegación dos peregrinos chegados por mar ten dado nome ó seu Camiño, pero o protagonismo da rada coruñesa de antano non se corresponde co presente. A curtidade do traxecto a Compostela, e a complicada saída da área urbana, son os seus demos.

 

…Faro que alumeas ó mundo, alumea a miña vida. (Revolver).

 

Tan efémero é este camiño que nin sequera vas dar tempo de que te atormenten as bochas…

A partida dende A Coruña, coa excepción do traxecto que discorre polo paseo marítimo do Burgo, pode facer perder a paciencia ó máis afouto.

Unha segunda proba de resistencia chega ó rodear o aeroporto de Alvedro e máis o seu polígono empresarial, cun novo galano ó chegar á igrexa de Santiago de Sigrás, un verdadeiro oasis.

Dous pazos, os de Drozo e Ancéis, sucédense denantes de chegarmos a Sergude, co seu moderno e impoluto albergue. Pouco despois cruzamos o río Barcés en Sarandóns, onde comeza unha subida moi esixente ata As Travesas, na confluencia coa variante procedente de Ferrol, xa moi preto de Hospital de Bruma.

 

As nosas suxestións

O Burgo, coa súa igrexa románica de Santiago e ponte medieval (conforme á lenda, un dos sete mandados tender por Fernán Pérez de Andrade), merece a nosa atención, pois foi o primeiro porto en recibir peregrinos.

-Se estivera aberta, daquela non deixes de entrar na igrexa de Santiago de Sigrás, onde te agarda un Santiago barroco sedente na cadeira, ó modo galego, que para iso se atopa na súa casa. Tamén podes acougar no parque veciño, se cadra ó pé do seu cruceiro.

-En Sarandóns vaste sentir coma un rei ó pasar diante da casa na que durmiu Felipe II cando facía camiño, inverso ó teu en 1554, para se embarcar na Coruña deica Inglaterra: se aquí pasou unha noite o home máis poderoso do seu tempo, non poderemos menos que nos considerar uns privilexiados.