Mensaxe do Conselleiro de Cultura y Turismo

Como conselleiro de Cultura e Turismo síntome feliz de poder dar ao prelo estas palabras que brindan unha calorosa benvida a unha nova iniciativa coa que enriquecer a experiencia do Camiño de Santiago como é o web ANDANTES, que forma parte do programa O teu Xacobeo. Unha guía de autor que pretende servir de bitácora útil e actualizada para desfrutar da peregrinación a Compostela do mellor xeito posible.

Iniciativas prácticas, orientadas a dar resposta a un gran público potencial ‒a información de ANDANTES estará, ademais de castelán e galego, en inglés e chinés‒, e que fagan fincapé nos valores patrimoniais, culturais e sociais presentes nos distintos itinerarios xacobeos son sempre ben recibidas. Mais aínda se, como é o caso, está pilotada por especialistas con amplas bagaxes e estreitos vencellos co Camiño de Santiago. 

A historia xacobea en Galicia é un relato baseado nos valores e a hospitalidade inspirados na vida e legado do Apóstolo Santiago. Desde a Idade Media, millóns de persoas de diversa orixe e condición teñen camiñado cara a Compostela polas distintas rutas xacobeas. Hoxe, grazas a ferramentas como ANDANTES, fano con máis coñecementos previos, planificación e comodidade, o que debe permitir mellorar a sempre intensa e enriquecedora experiencia peregrina.

Desde a Xunta traballamos por un Xacobeo que non deixe fóra a ninguén, que sexa a suma de todos os esforzos, persoais e institucionais, que conte coa Galicia moza, e aposte pola calidade e a innovación seguindo o legado da historia xacobea na nosa Comunidade. Unha historia memorable que terá no ano 2021 un capítulo de singular importancia. Un capítulo que, sumando o mellor de nós, con seguridade merecerá ser gravado con letras de ouro. 

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda