O camiño de Santiago e o mar. Reflexións.

1. O mundo xacobeo e o mar relaciónanse desde sempre. Se se aposta pola existencia dun Camiño de Santiago antes de Santiago alusivo á viaxe das almas pola Vía Láctea, o seu límite físico alcanzábase ao chegar ao finis terrae galego, considerado cando menos desde época romana como punto de encontro co mar da fin do mundo.

2. Se se aposta por un Camiño nado no século IX, tras o que se considerou o achado do sepulcro do apóstolo Santiago o Maior na actual Compostela, tamén xorde o mar. As lendas narran que Santiago chegou á Península Ibérica por mar para predicar o Evanxeo. E que por mar volveu de morto, tras o seu martirio en Xerusalén.

3. A cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos xacobeos, é puro mar. A lenda alusiva á súa orixe conta que cando Santiago viña morto en barco cara a Galicia, salvou milagrosamente de afogar a un cabaleiro e o seu cabalo, devolvéndoos á superficie cubertos de cunchas.

4. As peregrinacións marítimas foron moi significativas entre os séculos XII e XVI. O prestixioso historiador inglés Peter Russell afirma que ‘non houbo un movemento entre Inglaterra e a Península tan importante como o xerado pola peregrinación’.

5. A gran afluencia de peregrinos ingleses deu lugar ao Camiño Inglés, ruta terrestre que enlazaba A Coruña, o grande porto histórico de referencia de chegada de peregrinos, coa urbe compostelá.

6. Pero tamén chegaron polo mar irlandeses, islandeses e de todos os territorios continentais limítrofes co Atlántico e os mares Norte e Báltico.

7. O porto coruñés é o mencionado case sempre nas fontes, pero os peregrinos desembarcaban de xeito aleatorio, por imponderables motivos, noutros portos cantábricos, galegos e  mesmo portugueses. O Camiño do Norte debe en boa medida a súa existencia e identidade a este feito.

8. A peregrinación marítima, aínda sendo moito máis breve ca terrestre, non era allea ao concepto de longa distancia, interiorizada característica da viaxe sagrada a Santiago dende media Europa. A travesía en barco resultaba no Medievo un sacrificio tan temido pola pasaxe que mesmo alteraba a dimensión temporal.

9. No presente, unha peregrinación marítima de calidade ha de incluír a travesía por mar e o seu respectivo percorrido terrestre. Non poderá ser só finxidamente marítimo-terrestre. Asusta algún exemplo recente de peregrinación por mar desprazada en vehículos ata o monte do Gozo, que nunca tivo connotación marítima, para realizar a pé 4 quilómetros ata a catedral compostelá.

10. O Camiño de Santiago é historia, alma, espírito, emoción, longa distancia transformadora, convivencia cun espazo exterior-interior, solidariedade, hospitalidade fraternal -mesmo que se cobre polos servizos prestados- e un singular sentimento múltiple. A progresiva perda de valor neste sentido, traerá, co tempo, a perda de case todo o demais.

11. Iso si, sempre quedará quen nunca se foi. Quen só precisa o Camiño.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda