O Camiño post-covid

Resposta Fernando Imaz Marroquín, presidente da Asoc. Gipuzkoana de Amigos do Camiño e ex-presidente da Federación Española de Asociacións Xacobeas.

O Camiño de Santiago ten ficado coutado unha longa tempada cando a súa proxección internacional e medre tiña acadado cotas inimaxinables anos atrás. Imos volver ó de antes ou haberá algún troco substancial na peregrinación?

Entendo que volver ó de antes sería un erro, que teríamos que aproveitar as condicións que nos impón a pandemia para tratarmos de dignificar as condicións en que se hospedan/acollen ós, chamémoslles peregrinos, na inmensa maioría dos albergues que ate agora teñen vido funcionando nos diversos camiños a Santiago.

Coidas que, trala crise xerada pola pandemia, deberíamos facer algunha proposta de peso para o Camiño?, en que sentido?

Turismo/peregrinación

Xa que hoxe en dia, na miña opinión, hai moi pouco de peregrinación e moito de turismo, atendamos a todos como a turistas no que atinxe ás condicións dos aloxamentos, con espazos e servizos suficientes, con moita hixiene e limpeza.

E respecto dos que realmente están a facer o Camiño como peregrinos, de ningún xeito lles ten que amolar o desfrute duns aloxamentos e servizos aceptables, con prezos razoables en consonancia cos albergues e servizos que se ofertan. Os que peregrinen a Santiago, ó longo do seu camiñar poden pregar, meditar, facer exercicios espirituais, visitar as igrexas... e desfrutar dunha estadía agradable no albergue. Non son en absoluto incompatibles os turistas que van camiñando e os peregrinos.

Seguirmos coa internacionalización?

En función do tipo de albergue que escollamos, os peregrinos/turistas tenderán a decantarse. Se o seguimos a facer como ate agora, con albergues de donativo de 6-8 €, virá de novo unha manchea de turistas baratos. Se, pola contra, apostamos por albergues dunha relativa calidade, peregrinos e turistas virán os que realmente teñan interese, e para min é indiferente que sexan nacionais ou estranxeiros.

Cantidade/calidade

Abertamente escollo a calidade, entendo que os albergues, coas condicións máis estritas en canto a empregar camas e non liteiras, maiores distancias e espazos máis amplos, unha certa intimidade, mellores e máis numerosos servizos, loxicamente terán menos prazas que os actuais, pero non por elo se teñen que reducir os ingresos dos albergues, simplemente que os que antes con 40 prazas cobraban a 6-8-10 €, agora, con 15 prazas cobren 20 €. Cambiamos cantidade por calidade. Decántome polos albergues tipo gîte d´etape, mesmo reservando previamente o albergue, se cadra con semanas de antelación.

Longo percorrido/curto percorrido

Neste apartado teremos un atranco case que insuperable coa Catedral de Santiago e maila Xunta de Galicia, que optan pola cantidade. O desexable sería que a Compostela lla deran a quen tivera feito o Camiño completo, ó longo dun ou de varios anos, pero completo. Nos nosos primeiros tempos a ninguén se lle pasaba polo maxín facer un tramo do Camiño, facíase o Camiño completo..., e seguido.

Recoñecer máis camiños?

Na miña opinión, hoxe (e fun o que abriu o melón en 1988 co Camiño do Norte), xa que sería complexo reducir o existentes, deixaríao como está, son de abondo. Actualmente un pode saír da súa casa e, en poucos quilómetros, empatar cun camiño existente.

Máis oferta/Numerus clausus?

Por suposto que, aparentemente, non é doado restrinxir a oferta, pero en Francia, sen ningún tipo de decreto, practicamente está restrinxida: se non tes reservadas as gîtes d’etape non te arriscas a facer o Camiño, e cando estás de hospitaleiro non o pasas tan mal, non podendo acoller precisamente ó que chega a última hora e, posiblemente, en peores condicións físicas.

Sen dúbida, o eido da acollida vai ser o máis afectado por todo o que ten acontecido. Como debería axeitarse a oferta á nova realidade?, cal consideras que pode ser o modelo máis intelixente para o albergue do futuro?

Considero que nos anteriores apartados teño manifestado a miña preferencia por albergues con reserva, menos masificados, con servizos e espazos de abondo, independentemente de que sexan privados ou atendidos por hospitaleiros voluntarios.

Os atendidos por hospitaleiros voluntarios que non fagan unha competencia desleal ós privados, que teñan tamén unhas condicións de aloxamento dignas, cobren o mesmo ca os privados e o beneficio resultante que sexa empregado en novos albergues ou se destine a persoas ou colectivos que o precisen, que por desgraza son moitos.

Sería interesante que houbera unha central de reservas de prazas nos albergues, á que o peregrino/turista vaia aboando previamente o importe do aloxamento, e os albergues que recorran á central de reservas destinen unha pequena porcentaxe para o seu mantemento.

    0
    Cesta de compra
    O carriño está valeiroVoltar á tenda